Mar convoca axudas para pemes transformadoras e acuicultores por valor de 30 millóns

BARBANZA> A Consellería do Mar destina máis de trinta millóns de euros a axudas á acuicultura e á transformación de produtos pesqueiros. Nos próximos días, o DOG publicará a convocatoria destas dúas liñas de subvencións.

A primeira delas, dotada con 19 millóns de euros, irá destinada ás pemes dedicadas á transformación de produtos pesqueiros e da acuicultura. O obxectivo das axudas é mellorar as súas instalacións con proxectos de aforro enerxético, mellora da seguridade e hixiene. Tamén serán subvencionables as actuacións relacionadas coa transformación de produtos de acuicultura ecolóxica e oca mellora dos procesos e sistemas de xestión.

A segunda convocatoria destinará preto de once millóns e medio de euros para  a mellora da produción e eficiencia enerxética das empresas acuícolas. Os potenciais beneficiarios serán bateeiros, confrarías e acuicultores que promovan unha actividade sustentable. Así, subvencionaranse proxectos para diversificar a produción ou modernizar as instalacións incluíndo a adquisición de equipos. Tamén se financiarán investimentos na mellora da calidade dos produtos ou que incrementen o seu valor.

As bases de ámbalas dúas convocatorias publicarase nas próximas semanas no Diario Oficial de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí