Novos actos vandálicos no Barbanza

    BARBANZA > Uns doce  contedores de lixo apareceron queimados nos últimos días nos concellos da Pobra do Caramiñal e Ribeira. As autoridades locais de ámbolos dous municipios amosaron a súa preocupación por estes feitos que se producen con certa regularidade nas noites da movida.

    Nas dúas últimas madrugadas, coincidindo coas festas de Entroido, apareceron un total de 12 contedores de lixo queimados en varias rúas da Pobra do Caramiñal e Ribeira. Concretamente na madrugada de onte os bombeiros de Ribeira tiveron que desprazarse ata o municipio pobrés para sofoca-las chamas nos colectores orgánicos emprazados na rúa San Antonio, na igrexa do Xobre, na zona do Campo da Feira e en Cabío. Os bombeiros tamén acudiron a Ribeira a apaga-lo lume que se orixinara en varios contedores da rúa Rafael Dieste e nas zonas da Carroucha e Martín.

    O alcalde da Pobra do Caramiñal  expresou a súa preocupación por este tipo de feitos que por desgracia están a acontecer con bastante regularidade no municipio. Segundo Isaac Maceiras están identificadas as persoas que realizaron estes actos.

    Por outra banda o pasado luns tamén apareceu semidestruído o monolito identificativo do Centro Comercial Urbano Boiro Aberto ubicado na rúa Principal. Dende a Asociación Boiresa de Empresarios amosouse a súa total indignación por este tipo de actos vandálicos que non veñen máis que a dana-la imaxe do Centro Comercial e do propio pobo de Boiro.

    Redacción Barbanza