Mar destinará uns 15 millóns de euros á mellora dos procesos productivos nas PEMES

RIBEIRA> Visitamos esta mañá xunto á conselleira do Mar a planta frigorífica da empresa Pescados Hermanos Lijó no polígono industrial de Xarás , en Ribeira. Durante a visita, Rosa Quintana destacou a nova convocatoria de axudas da Xunta das que poderán beneficiarse as pemes galegas de transformación de produtos do mar  para a que este ano se destinan preto de 15 millóns de euros.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana puxo a empresa Pescados Hermanos Lijó, asentada no polígono industrial de Xarás, en Ribeira, dedicada á clasificación, envasado e embalado dos produtos do mar que comercializa, coma exemplo do bo facer. A firma foi precisamente unha das beneficiadas da liña de axudas que a Xunta puxo en marcha durante o pasado ano de cara á mellora dos procesos produtivos e a sustentabilidade ambiental. Para a convocatoria deste ano a Xunta puxo a disposición das pemes deste sector preto de 15 millóns de euros a distribuír nas anualidades 2019 e 2020, recibindo unhas 85 solicitudes.

A titular de Mar referiuse tamén á necesidade de que os Fondos Europeos da Pesca sigan apostando por este tipo de liñas de traballo co sector, para poder seguir sendo competitivos e innovadores.

A empresa Pescados Hermanos Lijó, fundada no ano 1950,  traballa na comercialización de peixe, tanto fresco coma conxelado. Opera xa en máis de trinta paises e conta cunha plantilla duns vinte traballadores.

Entre os produtos que comercializa están o polbo, o xurelo, o lirio, a pescada ou a sardiña. durante o pasado ano 2018 facturou máis de 1,7 millóns de euros.