O GROVE > No entorno do Salnés xa apareceron máis de medio centenar de aves mortas pero ningunha contaminada coa cepa mortal causante da gripe aviaria. Pese a todo, o complexo intermareal Umia O Grove será considerado como zona de máximo risco e engadirase a lista de 25 humedais con atención especial que xa dispón o goberno central.
O ministerio de Agricultura e a Xunta engadirán o complexo intermareal Umia O Grove á lista dos 25 humedais xa definidos como zonas de máximo risco de contaxio por gripe aviaria en España. Isto suporá a adopción de medidas excepcionais de bioseguridade, como a prohibición de cría de aves ó aire libre, a separación por especies e a posta a cuberto de bebedeiros e comedeiros para evitar o contacto coas aves silvestres.
En todo caso, a consellería de Medio Ambiente xa ten en marcha un minucioso programa de control e alerta nos humedais galegos. O complexo Umia O Grove recibe atención prioritaria, xunto cos de Ribadeo, Ortigueira, Corrubedo, San Simón, Lagoa de Antela e o estuario do Miño. A maiores, a consellería programou inspeccións noutros 37 humedais. Os axentes e vixiantes dos servizos provinciais de Conservación da Natureza controlan diariamente cada zona para a detección de aves mortas ou enfermas.
No caso do Salnés, xa apareceron máis de medio cento de aves mortas, pero en ningún caso se detectou contaminación polo virus H5N1 causante da gripe aviaria. Segundo o Centro de Recuperación de Fauna do Salnés a mortandade de aves nesta época do ano é habitual, sobre todo coincidindo con temporal. As especies máis afectadas nas últimas horas son patos e gaivotas, pero tamén aves mariñas como garzas, araos ou cormoráns. Na actualidade, o complexo intermareal Umia O Grove é refuxio de máis de dez mil aves de distintas especias procedentes do Norte de Europa e tamén de África.
Redacción Salnés