O PP boirés critica as escasas inversións do tripartito

    BOIRO > O Partido Popular de Boiro volveu criticar este venres a mala xestión do tripartito o que está a provocar que o municipio se sitúe no vagón de cola en canto a investimentos por parte das distintas administración públicas. Segundo os membros desta formación política, proba desta grave situación é que durante o pasado ano 2005 quedaron sen executar o 70% do importe das obras previstas, converténdose o actual executivo no goberno das promesas incumpridas.

    Para o portavoz do Partido Popular de Boiro, Xoán Xosé Dieste, a análise dos investimentos realizados polo executivo local que preside Xosé Deira durante o ano 2005 vén a confirmar unha vez máis o desgoberno e a carencia de xestión política que está a sufri-lo concello.

    Segundo el se no ano 2004 dos preto de sete millóns previstos para inversións tan só se investiron algo máis de dous, a situación foi aínda máis grave o pasado ano cando quedaron sen executar o 70% das obras previstas.

    Xoán Xosé Dieste vai maís alá e pregúntase que foron dalgunhas das promesas realizadas polo actual goberno tripartito como é o caso do cemiterio de Vista alegre, o Centro de Día e a Gardería, así como outros proxectos iniciados polo anterior goberno do PP como o Porto Deportivo de Cabo de Cruz ou os Paseos do río Coroño e do río Breiro.

    O voceiro popular considera ademais que esta situación vén provocada a consecuencia dun goberno en crise permanente que dende o inicio da lexislatura non está máis que sumido en loitas internas polo poder municipal, seguindo unidos para manter a toda costa os seus soldos e os intereses políticos de partido en vez de pensar no ben común dos cidadáns.

    O goberno boirés non tardou en respostar ás palabras do voceiro popular. Así o primeiro tenente-alcalde, Xoán Xesús Ares, sinalou non entende-las críticas do PP sobre as inversións realizadas cando hai mostras claras do traballo levado a cabo polo tripartito, proba delo son, segundo el os preto de 14 millóns de euros que o Ministerio de Medio Ambiente ten comprometidos para o municipio para desenvolver diversas obras de rexeneración do litoral. Aínda así foi claro e sinalou que o papel dos populares non é outro que facer oposición.

    Xoán Xesús Ares as principais infraestruturas que necesita o municipio están encamiñadas con actuacións claras na mellora da rede de abastecemento de auga e saneamento, dúas cuestións primordiais para os veciños.

    Redacción Barbanza