RIANXO> O BNG vén de solicitarlle ó executivo local unha axeitada planificación na convocatoria de prazas de axentes da Policía Local.
{flowplayer}barbanza/bngprazaspolicia.flv{/flowplayer}
Os membros do BNG rianxeiro consideran que a actual composición da Policía Local de Rianxo está moi por debaixo da ratio recomendada pola Xunta de Galicia, que non é outra que dispor de 1’8 policías por cada mil habitantes.
Seguindo con esta liña deberíase contar, segundo eles, con alomenos 19 efectivos estables, increméntandose a cifra con auxiliares nas épocas de maior afluencia de persoas, como é o caso dos veráns. Un número moi alonxado da realidade, xa que o número de axentes na actualidade limítase a sete, ademais dun inspector.
Doce prazas
Para os nacionalistas é necesario que o concello vaia creando de xeito permanente ata doce prazas de gardas novas ás que se deberán engadira os conseguintes reforzos estivais.
Dende a formación frentista critican o feito de que o executivo local está recurrindo ós chamados auxiliares para substituír ós axentes nas súas baixas ou cando exercen os dereitos individuais de acollerse a comisións de servizos ou excedencias, unha práctica segundo eles fraudulenta pois estes traballadores teñen recoñecidas por lei menos funcións.
Así dende o BNG sinalan que o dito persoal vese obrigado a realizar controis de tráfico co vehículo radar ou control de alcolemias en solitario e sen apoio dun funcionario.
Situación ilegal
Os nacionalistas denuncian ademais que este recurso empregado en máis dunha ocasión polo concello rianxeiro de contratar a auxiliares vén de ser rexeitado pola Xunta de Galicia diante da pretensión de prorrogar a súa prestación de servizos no concello. Segundo os membros do BNG na actualidade en Rianxo hai tantos axentes como auxiliares, cando a cifra por lei non debera superar o 50%, e a durabilidade do seu contrato é superior ó ano, algo tamén absolutamente ilegal, pois as contratacións por lei nunca poden ser superiores ós catro meses.
Redacción Barbanza