Cuntis celebrou a IX Festa do Lacón con grelos

    CUNTIS > O bo tempo animou a decenas de persoas a degustar máis de 700 racións ó asequible prezo de 5 euros e que unha empresa especializada se encargou de elaborar dende ben cedo. As filloas elaboradas á pedra poñían a guinda a esta celebración popular que este ano cambiou a súa data de celebración.

    O concello de Cuntis celebrou o primeiro domingo de marzo a xa tradicional festa gastronómica de exaltación do Lacón con grelos, que na novena edición se retrasou para evitala súa coincidencia co domingo de Entroido e garantir así unha maior presencia de comensais. O resultado deste ano non foi o agardado polos organizadores, anque están convencidos de que o cambio favorece á consolidación do evento. Dende primeiras horas da mañá unha empresa especializada encargouse de elaborar o manxar que se serviu baixo unha carpa e amenizado polos sons das agrupacións musicais participantes. A ración, de 5 euros, compoñíase de lacón con grelos, acompañado de tinto do país e a empresa repartiu un total de setecentas entre os comensais. Paralelamente ó xantar, unha feira de artesanía completábaa oferta lúdico- festiva en Cuntis. A elaboración de filloas á pedra, como se facían anteriormente nas casas do rural, foi outro dos atractivos para os amantes da cociña tradicional, que con este postre poñían o punto e final a un xantar propio do Entroido galego.   

    Redacción Salnés