Segue a humanización do casco urbano de Ribeira

    RIBEIRA > O concello de Ribeira vai investir uns 720 mil euros na reposición do pavimento en sete rúas do casco urbano da cidade. Os traballos veñen de saír a concurso público para a súa adxudicación.

    O concello de Ribeira xa iniciou os trámites do concurso público destinado a adxudicación das obras de reposición do pavimento en varias rúas do centro urbano.

    Estas obras, que contan cun orzamento de máis de 720 mil euros e un prazo de execución de cinco meses, contemplan a mellora das rúas Miguel Rodríguez Bautista, Mariño de Rivera, Otero Pedrayo, Nove de Agosto e as rúas Frade e escorial, así como tamén os arredores do concello.

    As actuacións iniciaranse coas demolicións dos actuais pavimentos das beirarrúas, así como tamén o fresado da capa asfáltica existente e o traslado das árbores. Reporanse ademais as redes de auga potable e sumidoiros e substituirase o actual alumeado por outro novo.

    Con estas obras, que permitirán amplia-lo ancho das actuais beirarrúas para maior comodidade dos peóns e establecer zonas de aparcamento e carga e descarga, o executivo ribeirés que preside Xosé Luís Torres Colomer continuará a súa liña de ir adaptando a cidade ás necesidades das persoas ó tempo que se renovan os pavimentos das estradas para facilita-lo tráfico rodado, de tal xeito que se fan compatibles as prioridades dos peóns cos requerimentos dos automobilistas.

    Redacción Barbanza