O BNG de Porto do Son reclama a captación de auga no río Sieira

PORTO DO SON> Os nacionalistas recollen o malestar dos veciños de Xuño, Caamaño e San Pedro de Muro ante unha nova  regularización da concesión da captación de auga do río Sieira, por parte do concello de Ribeira. O BNG presentou un escrito ante Augas de Galicia para que inicie os trámites para o remate da dita concesión. Non entenden como se permite ó concello veciño de Ribeira captar auga deste río, cando existen carencias importantes deste servizo no municipio, nomeadamente nestas tres parroquias, principalmente na época estival.

Desta estación de bombeo, situada no lugar de Xuño, a carón do río Sieira, é de onde o concello de Ribeira fai a captación de auga para o abastecemento do seu municipio. Aproximadamente uns 2.500 metros cúbicos de auga ó ano. Lévao facendo dende hai máis de 50 anos.

Hai varias semanas o BNG enterouse, a través do Boletín Oficial da Provincia de que o executivo ribeirense pretendía facer ante Augas de Galicia unha regularización da dita concesión. Un momento que os nacionalistas pretenden aproveitar para recuperar esta captación e así dar resposta ás necesidades dos veciños das tres parroquias situadas máis ó sur do municipio, con carencias importantes deste servizo básico, principalmente na época estival.

Os nacionalistas acusan tamén ó goberno municipal de mirar para outro lado, e non informar ós veciños de Xuño, Caamaño e San Pedro de Muro do concello veciño.