A POBRA> A Pobra pecha un gran verán en termos turísticos e culturais. Máis de tres mil visitantes pasaron pola oficina de Turismo da Casa Mariñeira. Entre as actividades con maior éxito destacan as viaxes en veleiro, a ruta do río Pedras e as visitas comentadas a diversos edificios patrimoniais.
A tempada estival da Pobra pechou con gran afluencia de visitantes, con cifras superiores a antes da pandemia. Pola oficina de turismo da casa mariñeira pasaron ó redor de tres mil visitantes, un terzo máis ca o pasado ano. Entre a ampla oferta de lecer destacan os obradoiros de turismo mariñeiro, as viaxes en veleiro, os catamaráns ó parque nacional das illas atlánticas ou a ruta polo río Pedras.
No que respecta á oferta cultural, estreitamente conectada coa turística, o museo Valle- Inclán foi de novo o foco dinamizador de toda a actividade.
A gran sorpresa foi a das visitas comentadas a elementos patrimoniais do municipio como a capela da Alba ou o Pazo do Couto. Esta experiencia piloto, pensada para grupos dun máximo de 20 persoas, chegou a reunir a oitenta nunha soa visita.
O gran éxito desta iniciativa fixo que o departamento de Cultura traballe xa na organización de novas visitas durante o inverno, dirixida especialmente a público local.