O concello de Boiro castiga ós infractores urbanísticos

    BOIRO > O concello de Boiro segue aberta a súa loita urbanística co fin de paralizar todas aquelas construcións que excedan o volume de edificabilidade permitido. Proba diso son as sancións que impón cada mes a un empresario da localidade por incumpri-lo decreto de paralización.

    O executivo boirés leva impostas un total de seis multas, unha por mes, ó promotor dun dos edificios precintados, argumentando que incumpriu de xeito reiterado os decretos de suspensión dos traballos.

    O edificio en cuestión atópase emprazado na Avenida da Constitución e está a ser construído pola Inmobiliaria Sampedro. Fontes municipais sinalaron que a obra foi precintada a finais de agosto ó sobrepasa-lo volume permitido nos voos e no espazo baixo cuberta.

    Neste sentido o concelleiro de Urbanismo, Xoán León,  explicou que as deficiencias neste edificio foron detectadas pouco despois do inicio da obra polo que se ordenou a súa paralización. Segundo el o incumprimento deste decreto provocou que o concello precintara a obra, pero esta circusntancia non impediu que o construtor seguira cos traballos. Por esta razón impúxolle unha multa inicial que ascendía a 300 euros, unha cantidade que foi ascendendo a medida que pasaban os meses, sen que o construtor aboara ningunha delas.
    O concello boirés decidiu tamén remitirlle o expediente desta obra á Fiscalía co fin de que determine se o incumprimento reiterado desta orde de paralización é motivo de delicto.
    O construtor pola súa banda sinala que está a ser obxecto dunha persecución por parte das autoridades locais, sinalando que a obra en cuestión é totalmente legal, acusando ó executivo de non especificarlle o motivo da súa paralización.

    Pero ademais do edificio de Sampedro o concello boirés tamén precintou outro obra que se constrúe na avenida de barraña e que está promovida por España. Este construtor xestiona actualmente coas autoridades locais a legalización da obra. Debido a que se trata dun bloque formado por tres edificios o executivo boirés doulle permiso ó construtor para continuar cos traballos xa que tan só un deles excede o volume permitido.

    Redacción Barbanza