VILAGARCÍA > A sétima edición da feira da Construcción do Atlántico MTC pechou as súas portas en Fexdega cun éxito rotundo, tras recibir a preto de 34.000 visitantes ó longo dos 4 días que durou o evento. A organización da feira agarda que para a próxima edición, que terá lugar en 2008, Fexdega amplíe a súa superficie para poder consolidalo salón en Arousa.
Fexdega recibiu miles de visitas de público en xeral durante a fin de semana, mentres que o xoves e o venres a presencia maioritaria foi de profesionais. Rexistráronse 34.000 entradas durante os catro días que durou o evento, na primeira ocasión que visitaba a comarca arousán. Durante estes días, os encontros entre expositores e visitantes profesionais foron continuos, contactos que se agarda fructifiquen en operacións nos próximos meses. Así, un dos grandes obxectivos do salón cumpriuse con creces ó unir a oferta e a demanda profesional do sector da construcción de Galicia e Portugal, aunándoo coa posibilidade de ofrecer un bo escaparate das últimas novidades constructivas ó público en xeral. MTC pasará á historia de Fexdega como a feira de maior complexidade na súa montaxe polas características das empresas expositoras, para o que traballaron durante cinco días preto de 300 persoas. Ocupou 20.000 metros cadrados dos que 15000 foron cubertos por mais de 150 expositores e 600 firmas, procedentes na súa meirande parte do eixo Galicia- Portugal, anque tamén doutros puntos de España e de países como Francia, Reino Unido, Italia ou Estados Unidos. Outra das bazas da feira foron as xornadas técnicas, dirixidas polo Colexio de Arquitectos de Pontevedra.
Redacción Salnés