O porto podería rematar o ano con nova estibadora

    terminal_contedores copia.jpgVILAGARCÍA> O recén constituído Consello de Administración da Autoridade Portuaria decidirá o luns se lle concede a licenza ó Grupo Boluda Corporación Marítima.

    {flowplayer}images/salnes/TERMINAL_CONTEDORES.flv{/flowplayer}

    A posibilidade de que o porto de Vilagarcía remate o ano cun novo operador na terminal de contedores parece cada vez máis próxima. O vindeiro luns ás cinco da tarde está previsto que se reúna por primeira vez o novo consello de Administración da Autoridade Portuaria, logo da reforma que experimentou o ente para adaptarse á nova Lei de Portos. Na orde do día figura a proposta de outorgamento de licenza a Boluda Terminales Marítimas para que se encarse do servizo de manipulación de mercadorías. A división pertence ó Grupo Boluda Corporación Marítima, un grupo que conta coa maior flota controlada por un único empresario en Europa, a segunda do mundo en remolcadores e a terceira en salvamento marítimo. Á súa fronte está Vicente Boluda, líder tamén na actualidade da Asociación Valencia de Empresarios e durante uns meses, no 2009, presidente do Real Madrid.

    De saír adiante a operación, o porto de Vilagarcía poderá restituír o tráfico de contedores, detido no mes de febreiro logo de que o anterior consello de Administración da Autoridade Portuaria retirara a Tercovi a licenza para operar como firma estibadora. A súa desvinculación da empresa matriz Contenemar, os expedientes de regulación de emprego e diversos problemas administrativos levaron á entidade a tomar esta resolución. Unha decisión que se reflectiu na caída do tráfico de mercadorías. O porto pechou o 2009 cun balance de menos dun millón de toneladas de produtos xestionados, a cifra máis baixa da última década, e no primeiro semestre deste ano marcou o maior descenso no tráfico de mercadorías a nivel estatal, un 24,74%.

    Redacción Salnés