CAMBADOS> Cambados contará este ano por defuntos con dous mercados de flores. O concello cedeu á Asociación de Floristas do municipio a organización deste evento, que pasa de Fefiñáns á contorna da praza de Abastos con só oito postos. Unha decisión que deixa fóra unha vintena de vendedoras, que viñan participando nesta cita. A Asociación de Floristas considera que eses postos son un claro caso de intrusismo laboral. Pero as vendedoras deféndense amparándose na normativa, apuntando que teñen dereito a participar. Tomaron a decisión de montar un mercado propio nunha nave de Castrelo, anunciando prezos máis competitivos.
Esta imaxe non se repetirá este ano nas vésperas de defuntos na praza de Fefiñáns de Cambados. Na vila haberá desta volta dous mercados: o de sempre, organizado agora pola Asociación de Floristas do municipio e outro alternativo, impulsado polas vendedoras que quedaron fóra desa iniciativa.
A decisión que tomaron é montar nesta nave de Castrelo o seu propio mercado cuns 20 postos, mentres que a Asociación de Floristas da vila terá o seu propio na contorna da praza de abastos con oito. Este colectivo considera que estas vendedoras representan un claro caso de intrusismo laboral. Algo que elas negan amparándose na normativa municipal.
As vendedoras pediron explicacións no concello, ao tenente alcalde Tino Cordal.
Din non entender a postura do concello, apuntando que eran elas as que pagaban a carpa e que todas cumprían cos requisitos da normativa. Presentaron todo por rexistro agardando unha resposta o día 6.
Ante esta situación, este grupo, agora unido na Asociación de Mulleres Rurais das Flores, van montar o seu propio mercado tras alugar a antiga nave de Alfageme, en Castrelo, a carón do restaurante Tropezón.
Anuncian, ademais, prezos máis competitivos.
Ao igual que o mercado da Praza de Abastos, este de Castrelo estará aberto os días 29, 30 e 31.











