PONTEVEDRA > Outro problema que afecta á xente xoven e que ultimamente volve estar de plena actualidade é a polémica suscitada pola extrema delgadez dalgunhas das modelos que desfilaron nas pasarelas Cibeles e Gaudí e as enfermidades derivadas, como a anorexia ou a bulimia. Con esa carga e as miradas postas nas protagonistas, arrancará a decimo sétima edición de Pontus Veteris en Pontevedra.
Á presentación de Pontus Veteris acudiron varios representantes das 8 firmas galegas que subirán á pasarela as últimas tendencias en moda de cara ó próximo inverno. Anque as novidades céntranse nas coleccións que exhiben os deseñadores, para esta edición incorpórase como innovación importante a tirada dun selo nacional no que aparecen imaxes da pasarela pontevedresa xunto con cunha camelia en homenaxe ás mulleres que interveñen no desfile. Charoa, Toypes, Florentino, Montoto, María Mariño, Boxley, Araujo e Makari desfilarán dende as 8 do serán do xoves no recinto feiral pontevedrés. Sobre a pasarela poderemos coñecer as tendencias de cara á Colección Inverno 2006-2007.
A decimo sétima edición da pasarela contará novamente con dous desfiles, un ás 8 e outro ás 9 e media. É probable a presencia de varias top- models internacionais para presentar as propostas das oito firmas galegas que repiten unha edición máis. Quen xa ten confirmada a súa presencia é o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, que esta vez acudirá acompañado pola súa dona.
Redacción Salnés