PORTO DO SON> A Conselleira do Mar facía estas declaracións na visita realizada esta mañá a Porto do Son para comprobar o resultados da reforma da fachada marítima. As obras, a piques de concluír, supuxeron un investimento de 4 millóns de euros.
Rosa Quintana, acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, tivo ocasión de coñecer de primeira man o resultado das actuacións que se están a acometer na zona portuaria. As obras, que están xa na súa fase final, suporán unha fonda transformación da fachada marítima da localidade. Ademais da dotación de máis espazo para peóns e áreas de lecer abrirase a vila ó mar integrando o porto no casco urbano.
A actuación, que supuxo un investimento de catro millóns de euros, incluíu tamén a creación dun edificio de servizos náuticos e a reorganización do vial de acceso ó porto conectándoo co centro da vila a través de rúas pavimentadas en pedra.
A fachada marítima contará ademais con numerosas zonas verdes polo que neste momento estase a proceder á plantación de árbores ó longo de todo o bordo litoral.