![]()
PONTEVEDRA > O recinto feiral de Pontevedra acolleu onte a décimo sétima edición da pasarela Pontus Veteris, o escaparate da moda galega. Presentábanse as coleccións da próxima tempada outono inverno dos principais deseñadores da nosa comunidade, unha cita que non quixo perderse o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, que acudiu a Pontevedra acompañado pola súa muller.
O presidente da Xunta e a súa muller chegaron ó recinto feiral de Pontevedra ás nove e media da noite, para ve-lo segundo pase desta nova edición da Pontus Veteris. Con eles estiveron, entroutros, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da Cámara de Comercio, Mnauel Durán Couto. Todo puideron desfrutar dos desfiles de Charoa, Toypes, Montoto e Florentino.
Precisamente un dos seus modelos era o que lucía o presentador do acto, Mon Santiso. Foi el quen lle deu paso ós primeiros deseños da noite, os de Boxley, Marí Mariño, Makari e Araújo Piel. Foi esta empresa, nada en Ourense hai 25 anos a que abriu o desfile con prendas moi poñibles, lixeiras e de cores claras. A súa colección foi unha das máis admiradas, como tamén o foi a de Makari, a empresa dos vigueses Indalecio Luaces e Carmen Álvarez. As súas propostas foron rompedoras, con patróns espectaculares, predominio do branco e unha aposta clara polos botóns, moi chamativos e presentes en case tódalas prendas.
E entre roupa e deseñadores, destacou unha modelo moi peculiar. Bibiana Fernández, que chegou a Pontevedra reivindicando as curvas e a idade como armas de seducción, desfilou coa roupa dos nosos modistos e desprendeu simpatía e bo facer na pasarela pontevedresa.
Redacción Pontevedra







