O edil do PSOE de Outes presenta unha moción de censura xunto co PP

OUTES> Moción de censura á vista en Outes. Esta mañá o Partido Popular e o edil díscolo do Partido Socialista, Tono Caamaño, que a pasada semana decidira abandonar o goberno tripartito, presentaron a proposta para un cambio de goberno. A nova caeu coma unha bomba, xa que ninguén presaxiaba este xiro de guión.

Non tardou nin unha semana dende que anunciara a súa marcha do goberno tripartito, do que formaba parte xunto con Compromiso Outes e BNG, para dar a badalada, e promover xunto co PP unha moción de censura. Esta mañá presentaban xa o escrito no Concello contra o alcalde, Manolo González, coa intención de formar un novo equipo de goberno. Nel sinalan que con este paso agardan rematar coa situación de inestabilidade que se vive no Concello.

A nova caeu coma unha bomba, pois ninguén agardaba este xiro de guión. Primeiro no actual goberno outense, que polo de agora non fai declaracións, pero tamén na propia veciñanza. A que si mostrou xa publicamente o seu rexeitamento a este acordo foi a dirección do Partido Socialista. Dende a executiva provincial desautorizan esta moción de censura, deixando claro que se trata dunha decisión persoal que en ningún caso conta co apoio da formación.

Dende o PSdeG-PSOE din que tomarán tódalas accións disciplinarias e regulamentarias pertinentes, pedíndolle a Tono Caamaño que renuncie á súa acta de concelleiro ou senón procederase á súa expulsión do partido.

Ante esta novo panorama, ábrese agora un período de dez días hábiles para a celebración do pleno onde se someterá a votación a moción de censura que determinará si hai ou non un cambio de goberno. A moción chega tras máis de ano e medio de mandato, a primeira vista tranquilo, sen signos evidentes de discrepancia que puideran desencadear nesta ruptura no seo do goberno tripartito outense.