O executivo pobrés recuperará o Río Morto cun paseo fluvial

    proxectoriomorto_100_290507.jpgPOBRA > O executivo pobrés presentou un anteproxecto para a construción dun paseo fluvial nas marxes do río Morto.

    Con esta actuación o goberno local pretende poñer fin ós problemas de inundacións que se producen na zona, levando a cabo tamén de paso o saneamento e mellora do cauce do río. O presuposto desta actuación ascende a máis dun millón de euros.

    Lonxe de estancarse e nada máis coñece-lo resultado das eleccións municipais, nas que revalidou a súa maioría absoluta, o executivo local que preside Isaac Maceiras, xa está a traballar noutro proxecto para a vila. Nesta ocasión trátase da construción dun paseo fluvial que se levaría a cabo na zona do río Morto.

    A dita actuación integraríase no último tramo de circunvalación prevista no Plan Xeral de Ordenación Municipal, na zona suroeste da vila con acceso directo desde a C-550 no tramo da Pobra a Ribeira e a douscentos metros do núcleo urbano, unindo a zona da Devesa coa de Pontenaveira.

    A necesidade de saneamento dese camiño e a súa recuperación para o tráfico rodado compaxínase coa posibilidade de creación de beirarrúas que conforman unha zona de esparcimento perfilando as marxes do río Morto no que sería un paseo fluvial, habilitando zonas axardinadas con diverso mobiliario urbano, convertendo esta zona nun lugar atractivo tanto para veciños como visitantes.

    Segundo o arquitecto redactor do proxecto, Amancio Losada, trátase dun vial de 16 metros de ancho cun percorrido de case 450 metros lineais no que o paseo fluvial se integraría perfectamente.

    Polo de agora a actuación non terá unha data concreta de inicio, á espera de serlle remitido á Consellería de Medio Ambiente para a súa aprobación definitiva, xa que a importante inversión necesaria para esta obra, máis dun millón de euros, fai necesaria a implicación da Xunta. Boa parte dos terreos polos que discorrería este paseo fluvial son de titularidade municipal, polo que o executivo tan só debería negociar con tres ou catro propietarios para leva-la obra adiante.

    Redacción Barbanza