O executivo boirés instala paneis informativos cos horarios dos autobuses

    BOIRO > Co gallo da celebración do Día Internacional do Consumidor, o executivo de Boiro presentou este mércores unha serie de trípticos informativos sobre os dereitos dos usuarios do transporte público. A partir de agora, ademais, os usuarios dos autobuses urbanos e interurbanos poderán consultar os horarios e paradas das diferentes liñas nos paneis informativos que se están a colocar nas marquesiñas municipais.

    Dende a Escola Municipal de Consumo, o concello de Boiro pretende fomenta-lo uso do transporte público entre os cidadáns garantindo a calidade do servizo. Con este obxectivo vén de editar unha serie de trípticos informativos sobre as obrigas e dereitos dos usuarios de autobus.

    Entre os deberes, os pasaxeiros deben acceder ó vehículo sempre pola porta dianteia e abandonalo polas traseiras así como ceder os asentos reservados a persoas con mobilidade reducida. Queda terminantemente prohibido fumar e beber alcol ou dirixirse ó conductor co vehículo en marcha.

    Na lista de dereitos, os usuarios deben esixir que o autobús reúna as condicións técnicas e de limpeza necesarias e realice tódalas paradas obrigatorias con suficiente tempo para subir e baixar.

    Os condutores deben proporcionar cambio de moeda de ata 20 euros e facilitar o libro de reclamación ós pasaxeiros que así o desexen. Neste sentido, a concelleira de Servizos Sociais, Natalia Laíño, lembra a importancia de executar e tramitar as denuncias cando a empresa de transporte non cumpra as súas obrigas.

    O responsable da Escola de Consumo de Boiro, Juan Carlos Ulla, apuntou que o transposrte contitúe un sector no que as reclamacións son moi frecuentes debido a diversos factores como, por exemplo, a falla de puntualidade ou a escasa seguridade a bordo. Neste sentido, avogou pola esixencia da calidade no servizo para aumenta-lo seu uso.

    A concellería de Obras está a traballar na dotación de marquesiñas en tódolos puntos do municipio así como a colocación dunha seire de paneis informativos cos horarios e paradas das distintas liñas de autobuses.

    Redacción Barbanza