O estadio da Alta contará cun módulo cuberto para atletismo

    POBRA> O pasado luns, o pleno pobrense aprobaba os proxectos a incluír no Plan de Obras e Servizos da Deputación. Entre eles, a dotación dunha pista cuberta no estadio da Alta que suporá un investimento de máis de trescentos mil euros. O ente provincial achegará cento trinta mil e o resto financiaranse con fondos propios, dispoñibles grazas tamén á axuda provincial destinada a gasto corrente. A obra, que podería estar licitada a finais do próximo verán, contempla unha superficie de máis de mil metros cadrados. Dada a amplitude do novo módulo, optouse pola súa construción en formigón armado prefabricado para minimizar os custos de construción e posterior mantemento. Ademais de catro calles para velocidade contará cunha pista para saltos. Situarase á entrada do estadio e dotarase dunha cristaleira de xeito que exista comunicación visual coas pistas exteriores. Unha vez comezada, a obra contará cun prazo de execución de seis meses.