A POBRA> A PDRA convoca este sábado na Pobra unha gran mobilización en contra da macrocelulosa de Altri. Colectivos de toda Galicia marcharán por terra e por mar para amosar a súa oposición a este proxecto que vén de recibir a declaración de impacto ambiental favorable por parte da Xunta.
Despois das concentracións, moitas delas espontáneas, xurdidas a pasada fin de semana trala declaración de impacto ambiental positiva de Altri, A Pobra acollerá este sábado unha multitudinaria mobilización. Convocada pola PDRA e apoiada por numerosas entidades e colectivos coa Plataforma Ulloa Viva e Mina Touro-O Pino Non reunirá na localidade barbanzá a miles de persoas. Sairá ás doce da mañá dende a rotonda da estación de autobuses e rematará na Praza do emigrante coa lectura dun manifesto. En paralelo, unhas 500 embarcacións acompañarán a marcha por mar saíndo dende o porto da Pobra ás doce e media.
Os convocantes chaman a secundar esta mobilización en contra de dous proxectos que teñen por obxectivo mudar o modelo de produción industrial de Galicia, deixándoo en mans de grandes empresas que levan a riqueza para fóra pero deixan a contaminación na terra.
A pesar do golpe que supuxo a publicación no DOG da Declaración de Impacto Ambiental Favorable, dende a Plataforma entenden que aínda queda moito por dicir posto que están pendentes aínda as concesións de captación de auga e verteduras, a avaliación ambiental integrada así como a aprobación do proxecto industrial e o seu financiamento.
Confían en que a forte contestación social contribúe a parar un proxecto que, din, será desastroso para Galicia non só a nivel medioambiental senón tamén socioeconómico, poñendo en perigo miles de postos de traballo.











