A construción do parque empresarial será unha das prioridades para o executivo sonense

PORTO DO SON> A demanda de terreo industrial por parte dos empresarios da zona fai pensar na viabilidade do proxecto, que o goberno local pretende facer realidade ó longo do presente mandato.

O executivo sonense apostará decididamente durante este mandato pola construción do tan ansiado parque empresarial. O alcalde, Luís Oujo, confía en que se dean tódolos pasos para que este proxecto sexa unha realidade nestes próximos catro anos.

Realizado o plan de viabilidade, e vista a alta demanda de empresas interesadas en facerse con terreos neste parque, o Concello pretende asinar un convenio de colaboración co IGVS, que permita poder sacar adiante o plan parcial para o desenvolvemento do polígono.