CC OO acusa a Touriño de mentir sobre Ence e fala de pelotazo urbanístico

    PONTEVEDRA > Comisións Obreiras vén de expresar o seu malestar polas declaracións feitas polo presidente da Xunta en Uruguai en relación con Ence. O sindicato tilda de irresponsables e alarmistas as palabras de Touriño coas que aseguraba no país sudamericano que o problema da factoría en Pontevedra é máis urbanístico ca ambiental. Unha afirmación que, segundo o sindicato, reitera a idea que barallaban sobre un posible pelotazo urbanístico.

    As declaracións feitas por Touriño en Uruguai eclipsaron os resultados da entrevista mantida entre o comité de empresa de ENCE e mailo conselleiro de Industria. Unha reunión na que, dende comisións obreiras, se asegura que o Conselleiro Fernando Blanco lles trasladou o compromiso de que a fábrica non se pechará.

    En medio dos tira e afloxa entre as opinións de distintas consellerías, na súa visita a Montevideo, Pérez Touriño destacou a existencia de dúas experiencias positivas de plantas de celulosa en España, en alusión ás factorías de Navia e de Huelva. Ambas equipadas con material moderno que non afecta ó medioambiente. Declaracións moi criticadas dende o comité de Ence.

    Comisións esixe a Touriño que convoque a mesa de concertación para dar unha solución ó traslado tal e como prometera en período electoral á par que lle pide que rectifique. O sindicato vai máis aló nas acusacións e reafírmase na idea de que detrás das incoherencias mantidas polo goberno galego se agocha un pelotazo urbanístico. En calquera caso, ó que non están dispostos din, é a permitir o peche.

    Redacción Salnés