Os premios Dolmen de ouro chegan á súa décimo novena edición

    salustiano100_011007_-_still_001.jpgOUTES > Esta fin de semana celebrouse no concello de Outes a décimonovena edición da gala de entrega dos premios Dolmen de Ouro organizada…

    … pola Federación de Empresarios do Barbanza. O acto estivo presidido polo conselleiro de Traballo, Ricardo Varela. Máis de cincocentas persoas congregáronse o venres pola noite no Restaurante Pazo do Tambre en Outes, para asistir a unha das galas máis concorridas dos premios Dolmen de Ouro, na súa décimonovena edición.

    Ó acto asistiron os representantes de tódalas patronais das comarcas do Barbanza, Sar, Muros e Noia, así como os alcaldes dos concellos da zona, os premiados e outros convidados de luxo. Entre eles, atopábase o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, que destacou o papel que deben xoga-las administracións públicas á hora de apoia-las iniciativas empresariais privadas. Tampouco faltou á cita o Vicepresidente da Deputación da Coruña, Pablo Villamar, que valorou este acto no que se premia o labor do empresariado. O alcalde de Outes, Carlos López Crespo, amosouse agradecido porque a gala se desenvolvera no municipio. Tanto el coma o presidente da patronal local, Marcos Romero, solicitaron un maior compromiso das Administracións supramunicipais coa zona. 

    Ademais dos premios que cada asociación de empresarios municipal outorga a un dos seus asociados, a Federación de Empresarios do Barbanza fai catro recoñecementos especiais na Gala dos Dolmen de Ouro, un ó uso da lingua galega, outro á mellor iniciativa empresarial, un recoñecemento a toda unha vida ó fronte dun negocio e o galardón do Centro de Empresarios da Construcción do Barbanza. Este ano os agraciados por cada asociación foron Bodegas La Parra en Ribeira, Actemsa na Pobra, Auto Recambios Barbanza en Boiro, Estación de Servizo Gompa en Rianxo, Imprenta Parcero en Noia, Unenco en Outes, Construcciones Hermanos García en Muros, Hostal O Prouso en Carnota, Muebles Gundín en Padrón, Cuma Coluns en Mazaricos e Inmobiliaria Terramar polo Son. Pero desde a Federación de Empresarios do Barbanza tamén queren recoñer o labor doutras empresas e empresarios da comarca, como o de Deolinda Gómez, que leva toda a vida ó fronte da farmacia familiar que teñen na rúa Fisterra de Outes. Outro dos Dolmen de Ouro de carácter especial e que se outorga con ámbito comarcal foi parar tamén a Outes, á empresa Estivada Ecuestre, que recolleu o premio á mellor iniciativa empresarial. O recoñecemento ó uso da lingua galega entre as empresas barbanzanas recaeu este ano na Academia de Perruquería Yara de Ribeira. A súa xerente amosouse bastante sorprendida por ter recibido este premio. E a nivel comarcal tamén se entrega o premio do Centro Empresarial da Construcción do Barbanza.

    Este ano a empresa elexida foi Ferralla Calo’s de Boiro. Aínda que, sen dúbida, o premio máis especial da noite foi a medalla de ouro que a FEB entrega anualmente para recoñecer a traxectoria profesional de distintos empresarios galegos. Nesta ocasión, a distinción recaeu sobre o boirés Salustiano Piñeiro, presidente do Grupo Barbanza e fundador de diversas empresas en Arxentina e Venezuela, onde residiu dende 1960. A xunta directiva da Federación de Empresarios do Barbanza decidiu recoñece-la prolífica traxectoria profesional de Salustiano Piñeiro entregándolle a quinta medalla de ouro da entidade.

    Este boirés, natural da parroquia de Cespón, funda a súa primeira empresa dedicada á construción no ano 1966 en Buenos Aires, a onde emigrara cos seus pais en 1960. No ano 69 trasládase a Venzuela e non tarda en emprender novos proxectos xa que en 1972 funda PECONS C.A., especializada en obras de urbanismo. Esta foi a primeira dunha serie de máis de dez empresas que operaban en todo o país chegando a construír máis de cinco mil vivendas. Nos últimos anos expandeu tamén a súa actividade a Miami, onde funda un grupo de construtoras. Xa en 1990, constitúe diversas empresas integradas no Grupo Barbanza que, ademais da súa dilatada actividade na comarca, estase a abrir camiño cara outras comarcas de Galicia. Por todos estes motivos, a directiva da FEB decidiu outorgarlle a Salustiano Piñeiro a súa medalla de ouro. Un recoñecemento que supón para este empresario unha gran honra así como un incentivo para seguir traballando. Esta quinta medalla de ouro sitúa a Salustiano Piñeiro na liña doutros destacados empresairos que xa foron premiados con este distintivo. Entre eles, Jesús Alonso, Manuel Fraga, Xosé Luís Méndez ou Ramiro Carregal.

    Redacción Salnés