Continúa na UCI unha das nenas atropeladas por un autobús en Cambados

    CAMBADOS> As tres nenas atropeladas por un autobús que recollía os estudiantes no recinto do colexio Os Salesianos de Cambados evolucionan favorablemente no Hospital Miguel Domínguez de Pontevedra. Unha das rapazas de 15 anos continua ingresada na UCI con prognóstico reservado. O parte médico das outras dúas menores e menos grave aínda que continúan ingresadas no servizo de traumatoloxía.

     

    O Hospital Domínguez de Pontevedra informou que as tres nenas atropeladas no colexio Os Salesianos de Cambados por un autobús escolar,  evolucionaron favorablemente nas primeiras 24 horas de internamento. L.C.P de 15 anos segue ingresada na unidade de coidados intensivos con prognóstico reservado. Atópase estable aínda que sufre unha contusión pulmonar, fractura de pube, fractura de sacro, poli contusións e erosións múltiples. Continuará na UCI onde os médicos seguirán de preto a súa evolución e realizarán  novas probas para determinar se as fracturas requiren unha operación cirúrxica.  A súa irmá, I.T.P de 13 anos segue ingresada no servizo de traumatoloxía onde se recupera dunha ferida na coxa dereita e  unha escordadura no nocello dereito. O prognóstico da última rapaza atropelada e menos grave, C.C.P de 15 anos, continua en planta cun forte traumatismo no sacro. Os mestres do centro escolar afirmaron que é a primeira vez que ocorre algo así e atribuíron ó sucedido  a un simple despiste.  A dirección do centro,  incidiu que tanto os pais  como os alumnos teñen que acatar as ordes do colexio e conceder prioridade os autobuses, algo que non sempre se respecta. A asociación de pais e alumnos manterán unha xuntanza no centro escolar na que tratarán este tráxico accidente.