Ribeira aposta pola creación de novos espazos de lecer

    parqueinfantilcorrubedo_100_120907.jpgRIBEIRA >  O executivo local vai destinar 15.000 euros para mellorar o parque infantil de Corrubedo e á construcción dunha zona de ocio na Ameixida.

    O parque infantil de Corrubedo vai ser mellorado e ampliado con novos elementos de xogo para os máis pequenos. Unha das primeiras actuacións que se van levar a cabo neste parque será o peche do seu perímetro cun cerrado de madeira de pino vermello nórdico, pois atópase moi preto de zonas de tráfico rodado. Toda a parafusería e compoñentes metálicos que se van empregar son de aceiro inoxidable.

    Máis seguridade

    Ademais no chan da zona de caída do bambán e na saída do tobogán vanse instalar lousas de pavimento de caucho amortecedor. Estas baldosas son flexibles, especialmente deseñadas para chans de seguridade e están fabricadas con granulado de caucho reciclado.

    Entre os novos xogos dos que poderán disfrutar os rapaces de Corrubedo están a estrela fugaz, un xogo de resorte para catro usuarios entre dous e dez anos ou o coello traveso, tamén de resorte, para usuarios de dous a seis anos.

    E na zona da Ameixida, en Castiñeiras, construirase un novo parque infantil. A nova zona de xogos ubicarase á beira da pista deportiva xa existente. Entre os novos xogos que se instalarán para os rapaces da zona destacan a pantasma, os pitiños e o resorte looping.

    Redacción Barbanza