Os informes xurídicos reiteran a legalidade na concesión do Ría de Arousa

    POBRA > O executivo da Pobra ofreceu unha rolda de prensa co obxectivo de zanxar definitivamente a polémica xurdida en torno ás ‘presuntas irregularidades’ na concesión ó cámping Ría de Arousa. Isaac Maceiras defendeu a legalidade da modificación do contrato e acusou ó BNG de tentar falsear os datos e confundir á opinión pública.

    O avogado Francisco Crusat foi o encargado de expoñer a total legalidade na que se enmarca a resolución do concello da Pobra de modifica-la concesión ó cámping Ría de Arousa.  Segundo explicou o xurista, a administración pública ten a potestade de modifica-los termos dos contratos administrativos nos que intervén, sempre que se deban a razóns de interese público e se compense o desequilibrio con respecto á outra parte. Neste sentido, Crusat explica que a cesión dos terreos ocupados polo paseo por parte do cámping foi compensada con outras parcelas en bruto que xa non se atopaban en primeira liña de praia.  Por outra banda, o canon da concesión viuse aumentado de preto de 2500 euros anuais a 30 mil, ampliándose ademais o prazo da concesión para amortizar as obras que os xestores do cámping se verán obrigados a facer coa reducción de certas parcelas.

    Tanto os xerentes do cámping coma o alcalde, Isaac Maceiras, sinalaron a idoneidade do acordo entre ámbalas dúas partes xa que se axusta ó marco legal vixente. A resposta do rexedor local foi tallante posto que a súa decisión ven avalada por varios informes xurídicos. Maceiras considera ademais que grazas ó acordo foi posible a construción dun paseo marítimo para disfrute de tódolos veciños, proxecto ó que o BNG sempre se opuxo. Neste sentido, o alcalde acusa ós nacionalistas de querer enganar e confundir á opinión pública, indo en contra do desenvolvemento turísitco e económico do municipio.

    O deputado autonómico Manuel Ruíz tamén compareceu na rolda de prensa para explicar que as cuestións de ámbito municipal non poden ser resolvidas nas institucións autonómicas ou estatais como está a tratar de facer o BNG. Neste sentido, o deputado parlamentario ten previsto presentar unha serie de preguntas ante a Xunta para ver se ten algunha competencia na decisión da ampliación desta concesión municipal.

    A título persoal, Ruíz destacou a importancia do cámping Ría de Arousa como referente turístico que contribúe a potencia-lo sector na comarca.

    Redacción Barbanza