RIBEIRA> Ribeira reivindica o seu carácter mariñeiro cunha nova edición de Artemar. A feira, que arrancará este xoves e se prolongará ata o domingo, conxuga gastronomía, arte, cultura e animación, co eixo común do mar como tema central.
A feira Artemar regresa cunha nova edición. Será do 15 ó 18 de agosto coa participación dun cento de postos con todo tipo de produtos como poden ser a alimentación ou a artesanía, chegados dende diferentes partes de España pero tamén de outros países como Portugal, Marrocos ou Arxentina. Unha das principais novidades desta edición será a súa ubicación, que variará lixeiramente con respecto a anos anteriores para acentuar a súa integración coa humanización da cidade.
Un dos aspectos máis significativos da feira é tamén a variada programación en canto a actividades de pequeno e gran formato, desenvolvéndose sesións de contacontos, teatro de rúa, actuacións de música tradicional e xogos infantís e obradoiros. Artemar volverá a ter tamén unha gran implicación do tecido asociativo local, e nela tomarán parte a maior parte das asociacións e colectivos culturais do municipio.
Como en anos anteriores repetiranse tamén os concursos de escaparatismo, decoración hostaleira e ruta de tapas, con premios en cada unha das modalidades.