Ribeira nomea ós seus fillos adoptivos con discrepancias entre a oposición

    RIBEIRA > Finalmente, o concello de Ribeira distinguirá ó empresario Ramiro Carregal e á presidenta da Asociación das Amas de Casa, Magdalena Bringas, como fillos adoptivos da cidade na conmemoración do seu centenario. Así o decidiu a corporación municipal no transcurso dunha polémica sesión plenaria  na que se fixeron patentes as discrepancias de certos grupos da oposición.

    Tanto PSOE como BNG coincidiron en criticar abertamente a actitude do goberno que decidiu o nomeamento de Carregal e Bringas como fillos adoptivos de xeito unilateral sen ter convocado unha comisión para a proposta de novos candidatos.

    O voceiro do PSOE, Xosé Vicente Domínguez, acusou ó executivo local de ‘oportunismo político’ ante o feito de que os actos do centenario se prolonguen ata marzo do próximo ano, data próxima á celebración das elección municipais.

    Tamén o grupo nacionalistas fixo referencia a ese ‘afán electoralista’, lamentando que a celebración do centenario da cidade poida converterse nun acto de propaganda do PP. En canto á distinción de fillos adoptivos, o BNG non se opuxo ó nomeamento dos actuais candidatos pero considera que a lista debería ser máis ampla. As súas propostas que finalmente non serán debatidas pola corporación incluían os nomes de Xosé Ramón Barreiro, presidente da RAG, e as heroínas de Sálvora ou o párroco Francisco Lorenzo Mariño e o concelleiro Mariano Vidal Rial como fillos adoptivos.

    A voceira do BNG referiuse tamén ó comportamento ‘sectáreo e prepotente’ do goberno que pasou por riba do regulamento municipal sobre honras e distincións sen ter en conta a necesidade de consenso.

    A proposta do executivo saíu adiante grazas ós votos de PP e IpdR. A decisión de Iniciativa Progresista de apoiar as candidaturas presentadas polo goberno vén trala realización dun sondeo entre diferentes colectivos e asociacións do municipio que recoñeceron a importancia da labor realizada por Ramiro Carregal e Magdalena Bringas ó longo de moitos anos.

    Segundo explicou a voceira de IpdR, Rosa García Pose, boa parte dos enquisados coincidiron en sinalar o bo funcionamento da Asociación das Amas de Casa durante os 27 anos que leva á súa fronte Magdalena Bringas así como o compromiso do presidente da conserveira Frinsa, Ramiro Carregal, de cara ó desenvolvemento empresarial do municipio e da comarca en xeral.

    A pesar do seu apoio á proposta, García Pose, aproveitou a súa intervención para homenaxear a persoas anónimas que contribuiron ó desenvolvemento da vila entre os ques e atopan a xente do mar e do campo ou os emigrantes que no seu día tiveron que marchar de Ribeira.

    Pola súa banda, o voceiro do PP, Manuel Ruíz, enumerou os diversos méritos que levaron ó goberno a elixir a Carregal e Bringas como fillos predilectos. No caso de Ramiro Carregal destacou o feito de que dirixa a terceira conserveira de España, proporcionando emprego ó 10% da poboación activa de Ribeira ademais do seu apoio a distintas asociacións do municipio, como é o caso do Club Náutico.

    En canto á Magdalena Bringas, Ruíz destacou a súa importante labor na loita polos dereitos da muller así como no eido cultural e social.

    Por outra banda, o voceiro popular criticou ós grupos da oposición que lonxe de entrar a debatir o fondo da cuestión e valorar as propostas do executivo, alegando como pretexto o incumprimento do regulamento.

    Por último, Ruíz quixo aclarar que dende o concello non se pretende politizar a celebración do centenario, nin moito menos convertilo nun acto electoralista.

    Redacción Barbanza