A FEGAMP remite ós concellos novas recomendacións para o sector avícola

    SALNÉS > Os concellos do entorno do humidal Umia-O Grove están a recibir unha circular da Fegamp con novas prohibicións e recomendacións a aplicar no conxunto do sector productor avícola. Todas se centras en evitar o contacto das aves de curral coas silvestres, sobre todo as acuáticas.

    Os concellos do Grove, Sanxenxo, Cambados, Meaño, Ribadumia, Vilanova e a Illa están a recibir unha circular da Federación Galega de Municipios na que se especifican medidas para incrementar a bioseguridade en granxas avícolas. Estes concellos están incluídos nunha zona de risco pola proximidade do humidal Umia-O Grove. E como tal teñen prohibida a cría de parrulos e gansos coas demais especies de aves de curral.

    Os propietarios de aves deben recluír os animais en instalacións pechadas a cuberto e protexer os depósitos de auga existentes nas granxas. Prohíbese tamén darlle ás aves de curral auga procedente de canles superficiais, fontes ou outras orixes ás que poidan ter accedido aves silvestres. A Fegamp lembra que en zonas de risco ou especial vixilancia se incrementarán os controis e toma de mostras nas granxas e será necesario actualizar o Rexistro Xeral de Explotacións.

    Para todo o Estado prohíbese a utilización de paxaros como reclamo para a caza e as concentracións aviares de calquera caste e a solta de pombas. En canto á cría de aves recoméndase evitar o contacto directo das aves de curral coas silvestres e especialmente con aves acuáticas, sobre todo coas anátidas. Aconséllase desbotar a solta de aves de curral preto de charcas, encoros ou pequenos humidais onde haxa aves silvestres migratorias.

    Redacción Salnés