VILAGARCÍA> Nova xornada de folga das traballadoras da limpeza do Hospital do Salnés. Reclaman equiparación de salarios e condicións ao resto de hospitais do SERGAS. Ao longo deste mes están a convocar paros de dúas horas por cada quenda os martes e mércores, xunto coas compañeiras dos hospitais do Barbanza e de Cee, que tamén se atopan na mesma situación.
As traballadoras do servizo de limpeza do Hospital do Salnés volven escenificar a súa situación. Esta mañá organizaron unha nova concentración ás portas do centro, nunha nova xornada de folga. Uns paros de dúas horas por quenda os martes e mércores que iniciaron a semana pasada.
Xunto coas compañeiras dos complexos hospitalarios do Barbanza e Cee reclaman equiparación de salarios e condicións ao resto de hospitais do SERGAS.
Explican que levan meses agardando por unha reunión co SERGAS sen que houbese ningún tipo de resposta.
E manterán o seu calendario de paros e mobilizacións de aquí a fin de ano.
Para estes paros decretáronse uns servizos mínimos do 67%, que dende a CIG consideran excesivos.











