‘Son da casa!’, a marca coa que Vilagarcía engloba o seu plan social e económico

VILAGARCÍA> Vilagarcía lanza a campaña ‘Son da casa!’, unha marca que engloba tódalas iniciativas que se inclúen dentro do Plan de protección do tecido social e económico da localidade. Unha das medidas destacas é a creación de bonos para gastar nos comercios e locais hostaleiros da cidade. A idea é que se inxecten na economía do municipio uns 250.000 euros a través deste incentivo.

A campaña “Son da casa!” vai englobar tódalas accións do Plan de protección do tecido social e económico de Vilagarcía. A propia denominación do plan, di o alcalde, é xa unha declaración de intencións: primeiro o social, despois o económico.

O rexedor explica que Vilagarcía debe ser vista como unha única casa, como unha gran familia. Indica Varela que agora é o momento de apoia-lo tecido económico da cidade, sen esquecerse do social.

A campaña, que presentaron esta mañá, promocionarase con distinto material para incentiva-lo consumo. Ademais, inclúe a posta en marcha duns bonos que permitan inxectar na economía local 250.000 euros. Nestes momentos, o goberno local está negociando con entidades financieiras para chegar a un convenio.

En Ravella confían en que comerciantes e hostaleiros se sumen á iniciativa de xeito masivo porque, segundo o alcalde, con este servizo de bonos todo son vantaxes para eles. Polo de agora, o Concello está a negociar con tres entidades financieiras. A intención do goberno local é aproba-la modificación de crédito no pleno deste mes, para que este sistema de bonos comece a funcionar o mes que vén.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí