A Xunta destina case 4 millóns de euros para obras no Salnés

    SALNÉS > A Xunta destinará preto de catro millóns de euros para abastecemento e saneamento en varios concellos do Salnés. As actuacións serán financiadas pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, a través da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (Eposh).

    Cambados, Ribadumia, Meaño, Sanxenxo e Catoira son os municipios que se beneficiarán das actuacións que levará a cabo a Xunta durante este ano. Unhas actuacións encamiñadas principalmente a acabar coas carencias de subministro que se producen na época estival.

    Medio Ambiente e a Mancomunidade do Salnés colaborarán na execución técnico-financeira das obras de ampliación do abastecemento nos municipios. O orzamento total da obra no Salnés ascende a 3,3 millóns que financiarán a partes iguais o departamento autonómico a través da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (Eposh) e a Mancomunidade do Salnés.

    O obxecto principal do proxecto é o aumento da capacidade hidráulica da conducción existente, coa finalidade de facer fronte ao incremento estacional da demanda durante o verán, o que fai insuficiente o sistema de subministro actual.

    Redacción Salnés