Pepu Hernández destaca o nivel da XI Vilagarcía Basket Cup

CAMBADOS > O recentemente elixido seleccionador do combinado español de baloncesto, José Vicente Pepu Hernández, apadriñou este xoves o arranque da undécima edición da Vilagarcía Basket Cup. O acto celebrouse nas adegas Martín Códax en Cambados. Os partidos dispútanse como sempre en semana santa, entre o 13 e o 16 de abril.

Nesta undécima edición da Vilagarcía Basket Cup participan do bando español Barcelona, o madrileño Adecco Estudiantes, o sevillano Caja San Fernando e o Unicaja Málaga. O cartel complétase cos equipos estranxeiros, o italiano Armani Jeans Milano, o Zalgiris Kaunas, mellor equipo do norte de Europa que leva desde o 2000 acudindo á Basket Cup; e dous debutantes, o Dynamo de Moscú, un dos máis seguidos por scouts da NBA, e os croatas do mítico KK Jugoplástica de Split, que milita na primeira división croata. O éxito está garantido e así o recoñeceu o mesmo seleccionador nacional de baloncesto José Vicente, Pepu, Hernández, que apadriñou esta presentación.

A Vilagarcía Basket Cup acollerá ademais o Circuíto Nacional sub 20, do que forman parte os catro conxuntos españois participantes. Precisamente Barcelona e Unicaja encabezan de momento a clasificación xeral da serie A.

O torneo inaugúrase co encontro entre o Milán e o Dynamo de Moscú o día 13 ás once da mañá. Destacan tamén os concursos de mates e triples que serán o día 15 a partir das oito da tarde. A final disputarase o día 16 ás doce e media da mañá. O campionato compleméntase con charlas técnicas que impartirán os scouts da NBA Lino Frattin, do Washington Wizards, e Tim Shea, do Charlotte Bobcats. Serán o 14 e 15 de abril, ás dez da mañá no Colexio Piñeiriño.

Redacción Salnés