Portonovo acolle en abril a XII edición da Festa da Raia

    SANXENXO > Portonovo acolle os vindeiros 7, 8 e 9 de abril a Festa da Raia. A festa, que rememora unha das tradicións máis antigas da vila, celebra a duodécima edición. Como novidade este ano, unha vintena de establecementos colaboran na festa e será neles onde se poidan degustar as variedades, no canto da tradicional carpa.

    A carpa que nos últimos anos se viña instalando no porto para degustar as variedades de raia durante os días da festa continuará nesta duodécima edición da cita gastronómica pero, principalmente, como posto informativo.

    Quen se achegue ata alí recibirá información na que se lle indicará os postos que colaboran co concello na festa e nos que se poden degustar as distintas variedades de raia e maila famosa caldeirada. Durante os tres días de festa na carpa, ademais de información, repartiranse 1.100 invitacións de degustación gratuítas: cincuenta por cada un dos establecementos participantes.

    Aínda que a festa comeza o día sete de abril coa apertura da carpa, as actividades relacionadas co evento comezan o día anterior coa celebración da sexta edición do concurso de cociña. O venres sete será o día dedicado á terceira idade.

    O sábado oito haberá un certame de corais, pola mañá, un espectáculo para nenos, pola tarde, e un espectáculo de humor, pola noite. E o domingo farase entrega das raias de ouro que este ano recaerán no mariñeiro Manuel Uhía e no escritor José Fariña Jamardo. Estes eventos desenvolveranse na carpa.

    Redacción Salnés