VILAGARCÍA> O 11 de agosto Carril renderá tributo ao seu produto estrela. O pobo vilagarcián acolle a vixésimo novena edición da Festa da Ameixa do Carril, que servirá de antesala das festas de San Roque vilagarciás. Serviranse 3.000 kilos de ameixa xapónica ante a falta no mercado de ameixa babosa. Ademais, este ano por primeira vez na súa historia a festa gastronómica non irá da man do Capítulo da Orde da Ameixa.
A Festa da Ameixa do Carril celebrará o vindeiro 11 de agosto a súa vixésimo novena edición. Unha cita centrada na exaltación deste prezado bivalvo. Como sucedeu o ano pasado, a ameixa será xapónica, debido á falta de babosa no mercado.
A Confraría de Carril explica ten reservados ao redor de 3.000 quilos de ameixa para esta cita. Non haberá cambios nos prezos das racións, que se manteñen a 12 euros.
Como novidade, por primeira vez na súa historia este ano a festa gastronómica sepárase do Capítulo da Orde da Ameixa, que se celebrará o 18 de agosto. Explican dende o pósito que a decisión se debe aos desencontros coa directiva da Orde, que preside o expatrón carrilexo José Luis Villanueva.
Así as cousas, a intención da organización é devolver o seu carácter máis tradicional e popular á festa. Que unha vez máis conta co apoio do concello de Vilagarcía.
Está previsto que o 4 de agosto se instale unha carpa no centro de Vilagarcía para adiantar a venda de entradas. Ademais, o día da propia festa, 11 de agosto, as billeteiras abriranse ás 11 da mañá. A degustación comezará as 12 do mediodía. De xeito paralelo, haberá diferentes actuacións musicais para amenizar a cita gastronómica.











