Mar Barcón fala en Boiro sobre a futura Lei de Dependencia

    BOIRO > A Secretaria de Políticas Sociais do PSdeG-PSOE, Mar Barcón, participou este mércores pola noite nunha conferencia coloquio no Centro Social de Boiro co fin de informar á cidadanía da repercusión que terá en Galicia a Lei de dependencia, que actualmente está en fase de tramitación parlamentaria.No acto, organizado pola executiva comarcal, participou tamén o voceiro desta formación política na localidade, Xoán Xesús Ares.

    Un bo número de persoas participaron no acto organizado polo PSOE barbanzán e que se desenvolveu no Centro Social de Boiro para analiza-la repercusión que a nova Lei de Promoción da Autonomía Persoal e de Atención ás Persoas con Dependencia provocará nas vidas das familias con persoas que non se poden valer.

    A encargada de imparti-la charla foi a Secretaria de Políticas Sociais do PsdeG-PSOE, Mar Barcón, que destacou a valentía do goberno socialista en crear unha lei que fixa os contidos básicos de aplicación no territorio nacional dun sistema nacional de dependencia que garanta o dereito social e universal das persoas con dependencia a usa-las mesmas prestacións con independencia de onde residan.

    A Secretaria de Políticas Sociais do PsdeG-PSOE criticou tamén ós anteriores gobernos da Xunta de Galicia do PP que non priorizaron as accións en materia de políticas sociais, sendo o goberno presidido por Emilio Pérez Touriño o primeiro en incluír nos seus orzamentos a metade dos recursos para políticas sociais.

    Mar Barcón afirmou en Boiro que Galicia sairá moi beneficiada con esta lei, pensada segundo ela para as persoas, por mor do avellentamento da súa poboación e pola distribución territorial e do traballo no eido familiar.

    Redacción Barbanza