BARBANZA > A fronte de baixas presións que estes días afecta a Galicia deixouse sentir tamén na comarca do Barbanza. Este xoves, foi precisa a intervención do equipo de bombeiros de Ribeira para cortar unha árbore que ameazaba con caer sobre a estrada debido ós movementos de terra provocados polas fortes chuvias.
Arredor das dez e media da mañá un equipo de bombeiros do parque comarcal de Ribeira desprazáronse ata a parroquia de Artes para proceder ó corte dunha árbore, alertados dunha posible caída pola Policía Local. O piñeiral no que se atopaba a árbore ubícase ó carón da estrada entre Ribeira e Corrubedo, co consecuente perigo para a circulación rodada.
O equipo de bombeiros, unha vez verificada a inestabilidade da base da árbore procederon á suxección da parte superior mediante un tráctel para facilitar o corte da mesma. A continuación, procederon a talar a árbore sen ocasionar danos de ningún tipo nun na vía nin nas vivendas colindantes.
Os bombeiros contaron nesta intervención coa colaboración dos membros da Policía Local de Ribeira que se ocuparon de regula-lo tráfico e os membros do Grumir de Ribeira.
Ata o momento, esta foi a única incidencia reseñable producida polo temporal. Ante as desfavorables previsións meteorolóxicas, os bombeiros de Ribeira permanecerán en alerta durante toda a fin de semana.
Redacción Barbanza