Novas actividades e máis premios no entroido de Porto do Son

PORTO DO SON> Porto do Son quenta motores para celebrar por todo o alto o entroido. Este ano, a programación festiva incorpora novidades, especialmente no referente ós concursos de disfraces.

Unha filloada popular marcará o punto de partida das celebracións do entroido en Porto do Son que arracarán o dous de marzo.

Trátase dunha actividade que, como moitas outras, está organizada polo tecido asociativo do municipio. Dende o concello quixeron agradecer a gran implicación de entidades como o Club de Xubilados, as amas de casa ou a asociación parroquial Loa.

O concurso infantil trasladarase este ano ó sábado. Incorporase a categoría de parellas ás tradicionais de grupos e individual. Repartiranse mais de seiscentos euros en premios para os tres primeiros clasificados en cada categoría. Serán vales de compra canxeables no comercio local. No que respecta ós adultos , que se celebrará o martes de entroido,increméntase notablemente a contía de premios nas categorías individual, de grupos e comparsa.

O mércores día seis pecharanse os festexos co enterro do Felipiño a partir das sete e media da tarde. Haberá posteriormente unha chocolatada no club náutico de Porto do Son.