OUTES> A delegada territorial da Xunta na Coruña visitou o concello de Outes para coñecer algunhas das actuacións nos camiños rurais desenvolvidas no municipio. A Xunta destinou 140 mil euros para a mellora destas vías na convocatoria bianual de axudas de Medio Rural.
Mellorar os accesos a fincas e explotacións agrogandeiras pero tamén favorecer a mobilidade veciña. Este é o obxectivo do Plan Marco de Camiños Rurais da Xunta de Galicia que nos últimos dous anos leva investidos 140 mil euros en Outes. En total, 9 concellos da comarca do Barbanza beneficiáronse desta convocatoria de axudas cun investimento superior ó medio millón de euros.
O alcalde de Outes agradeceu estas achegas para que os veciños do rural conten con servizos e infraestruturas, especialmente os concellos tan extensos e con poboación dispersa.
Aproveitando a presenza da delegada, Francisco Calo trasladoulle algunhas demandas que veñen de detectar tras asumir as rendas do concello como as melloras nos convenios de prevención e defensa contra incendios a través das brigadas municipais solicitando a incorporación dun camión motobomba.











