Dous irmáns de Valga son xulgados por tráfico de drogas

     PONTEVEDRA> Os irmáns Figueira de Valga sentábanse hoxe no banquiño dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra…

    {flowplayer}images/salnes/xuizo_trapicheo_pontecesures.flv{/flowplayer}

     … acusados de tráfico de cocaína e de cannabis. A Fiscalía pedía para eles cadanseus 6 anos de prisión e case cento vinte mil euros de multa, logo de que os axentes da orde lle incautaran en marzo do 2012 nunha furgoneta Citroën Jumper en Valga e na vivenda dos seus pais neste mesmo Concello drogas por valor de case corenta mil euros. Logo, nun rexistro posterior ó piso de Pontecesures propiedade dun deles coñecido como “Chema” encontraron elementos “de corte” destinados á manipulación da cocaína.

    A estratexia da defensa foi situar a Chema como o único culpable matizando que en todo momento colaborou ca xustiza na instrucción do caso; tal e como el mesmo declaraba, emocionado, ó final do xuízo. Esta colaboración e arrepentimento, amais da atenuante da súa dependencia valéronlle para que a Fiscalía rebaixase a súa petición a tres anos de cadea.

    A defensa argumentou en todo momento que o outro irmán Manuel Abelardo era inocente e descoñecedor da existencia da droga. Residía habitualmente no País Basco pero estaba circunstancialmente en Galicia. Acababa de ser desafiuzado, razón pola cal tivera que mudarse precipitadamente ó piso do seu irmán onde só durmía. Amais, ó seu irmán Chema retiráranlle o carnét de conducir, razón pola cal tivo el que levar a furgoneta na que a Policía encontrou unha mochila con cocaína que levou ó resto das pesquisas.

     Un cúmulo de circunstancias que non convenceron á Fiscalía que seguiu mantendo para el a petición de catro anos de cadea. O propio Abelardo negaba unha e outra vez tódolos cargos e declaracións de cada testemuña e defendía ata o final a súa non implicación nos feitos. O xuízo rematou cunha sentida aperta dos dous irmáns diante dos seus familiares. O caso quedou visto para sentencia.

    Redacción Salnés