A campaña do mes violeta achega a igualdade de xénero a Ribeira

    RIBEIRA > A campaña do mes violeta sobre a muller, promovida pola Xunta de Galicia, chegou a Ribeira a bordo dun autobús informativo con diverso material sobre educación en igualdade. As actividades víronse completadas coa realización dun obradoiro sobre comunicación e unha conferencia sobre o reparto de responsabilidades.

    Co gallo da celebración do Día da Muller o pasado oito de marzo a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, en colaboración coa Consellería de Cultura puxeron en marcha a Campaña do Mes Violeta. O obxectivo é que as actividades incluídas neste programa percorran Galicia para concienciar á xente sobre a igualdade de xénero.

    No seu paso por Ribeira, o autobús violeta recibiu a visita dun bo número de persoas que puideron acceder a diverso material informativo relacionado coa igualdade entre homes e mulleres en diversos ámbitos como o familiar, escolar ou social.

    En total, este autobús que mestura o lecer e a formación, percorrerá 24 concellos galegos para facer chegar a campaña a gran parte da poboación de Galicia.

    A campaña informativa incluíu ademais a realización dun obradoiro sobre comunicación e participación nas aulas sociais situadas na Rúa Cristóbal Colón e unha charla que versou sobre o reparto de responsabilidades.

    Redacción Barbanza