Conflito entre veciños a causa dun muro que impide a filtración da auga

    POBRA > Unha familia da parroquia pobresa de Santa Cruz vén de denunciar as frecuentes inundacións que se producen na súa finca a causa da construción dun muro por parte dos propietarios da leira colindante. Tras diversos procesos xudiciais, os afectados conseguiron unha sentencia favorable sen posibilidade de recurso. A pesar de que transcorreron xa dous anos desta resolución, a situación segue sen ningún cambio.

    Xosé Miranda xa non sabe a quen acudir para que se faga xustiza. Dende hai anos, a construción dun muro na finca anexa á súa vivenda está a provocar o estancamento de auga no seu terreo. Basta con algo de chuvia para que a finca quede practicamente anegada xa que o muro impide a filtración da auga. Este feito está a provocar importantes perdas á familia afectada posto que estráganse tódolos cultivos ademais dos consecuentes riscos que supón posto que durante os días de chuvia o terreo convértese nun auténtico barrizal.

    Hai tempo que os afectados emprenderon accións legais en contra dos seus veciños e tras un longo proceso obtiveron unha resolución favorable que obriga ós propietarios do muro a habilitar puntos de desaugue na estrutura. A pesar de que a sentencia foi emitida hai xa dous anos e non establece posibilidade de recurso, non se levou a cabo aínda ningunha actuación polo que as inundacións seguen a producirse con bastante frecuencia. Os afectados non entenden a actitude dos seus veciños posto que, lonxe de acatar a sentencia, seguen a prolongar o proceso con recursos que non poden ser admitidos.

    Os conflitos entre estas dúas familias xa veñen de vello posto que hai algúns meses, José Miranda viuse obrigado a tira-lo tellado da súa casa por mor dunha denuncia dos seus veciños. Neste sentido, Miranda entende que se naquela ocasión el acatou a lei, agora os seus veciños deberían face-lo mesmo e cumprir coa sentencia.

    Redacción Barbanza