A Deputación da Coruña adxudica o programa de limpeza de praias

    BARBANZA> O programa está dotado cun orzamento de novecentos mil euros e del poderán beneficiarse tódolos concellos costeiros da provincia. A través desta liña de subvencións para a contratación de persoal que se encargará dos labores de limpeza de praias, a Deputación da Coruña pretende contribuír por unha banda a mellorar a imaxe dos areais da provincia e por outra a axudar a paliar as maltreitas economías dos concellos. A subvención para a creación destas brigadas de limpeza ascenderá ós novecentos mil euros e terá unha duración máxima de tres meses, polo que os contratos deberán estar comprendidos de maio a outubro do presente ano. Ós oito concellos costeiros das comarcas do Barbanza e Muros-Noia corresponderanlle uns douscentos mil euros. Porto do Son e Ribeira serán os dous municipios ós que lles corresponderá máis contía, trinta e un mil e 29 mil respectivamente, mentres que Outes será o que menos asignación perciba, tan só nove mil euros. A Deputación informou ademais que ten previsto financiar tamén este verán con trescentos mil euros a contratación de socorristas nas piscinas municipais e praias fluviais dos concellos do interior da provincia con menos de 50.000 habitantes. O importe máximo que poderá percibir cada concello neste programa será de 6.500 euros e o mínimo de 2.500, sendo o período máximo de contratación de tres meses.