A ABE emprende unha campaña informativa en contra das áreas comerciais

    BOIRO > Os socios da Asociación Boiresa de Empresarios reuníronse novamente para concretar as novas actuacións do colectivo en contra da implantación de grandes superficies comercias. Os empresarios acordaron emprender unha campaña de sensibilización que chegue a toda a cidadanía para que as súas demandas sexan entendidas polos veciños.

    Os empresarios boireses seguen a amosar a súa oposición á implantación das grandes áreas comerciais no municipio. Ata o momento, son moitas as actuacións que se teñen realizado neste sentido ademais das reunións mantidas cos membros do goberno local para expoñerlle o sentir común do sector empresarial da zona. Os empresarios contan xa co apoio de gran parte do tecido asociativo do municipio e miran agora cara o colectivo da cidadanía para implicalo na súa demanda.

    O obxectivo é poñer en marcha unha campaña de sensibilización a través de diversos medios para que os veciños entendan a postura do colectivo. Neste sentido, os empresarios sosteñen que non se opoñen á creación das áreas comerciais sempre que se fagan en chan urbano e preto da zona comercial, posto que deste xeito contribuirían á atracción de clientes que sería beneficiosa para todos. No que non están de acordo é no feito de que se recalifique chan non urbanizable na periferia de Boiro para habilitar estas superficies.

    Ademais desta campaña, os membros da ABE teñen previsto proseguir con outras actuacións como a recollida de firmas ou as reunións cos membros do executivo. Neste sentido, chegouse a plantexar a posibilidade de entrevistarse por separado cos membros do tripartito para evitar ‘posibles connivencias’. A premisa básica do colectivo é manter a unión de tódolos membros sen dar lugar a posibles divisións de cara á consecución dos seus obxectivos.

    Redacción Barbanza