Continúa o temporal durante a fin de semana

    SALNÉS > As consecuencias do temporal que afecta a Galicia estes días provocou varias inundacións, caídas de árbores e cortes de vías de circulación. Entre as consecuencias máis significativas no Salnés e Pontevedra están a rachadura da mítica árbore da Moreira e a inundación de varias terras en Cabanelas.

    inundaciontemporal_300_240306.jpgOs concellos das Rías Baixas foron dos máis afectados polas inundacións provocadas polo temporal que afecta a Galicia. A estación de Lourizán recolleu 70 litros por metro cadrado en tan só 24 horas. A Policía Local de Cambados mantiña cortada o venres pola mañá a coñecida como recta da parcelaria, que une Pontearnelas con Cabanelas, no límite entre os concellos de Cambados e Ribadumia.

    O desbordamento do río Umia xa se comezaba a ver a última hora da tarde do xoves pero á mañá seguionte o caudal chegou a medrar tanto que asolagou case por completo as fincas da ribeira, alcanzando a rede viaria como se ve na foto. Nalgunhas pistas aínda podían circular os vehículos pero sorteando pozas de pouca profundidade. A enchente do río Umia tamén afectou a algunhas das vivendas da zona. En Pontearnelas a penas se podían ver as mesas de pedra que se adoitan empregar na romaría de Santa Marta.

     O río Umia tamén desbordou ó seu paso pola parroquia vilanovesa de Baión e na zona de Paradela en Meis. No concello de Pontevedra o vento rachou a emblemática árbore da Moreira pola metade sen posibilidade de que sexa recuperada segundo determinaron membros da estación fitopatolóxica do Areeiro.

    MeteoGalicia informou de que as chuvias caídas durante o día e maila noite de onte son as que se esperan para todo un mes de marzo normal. A predicción meteorolóxica indica que se agrada un empeoramento do tempo a partir do domingo. Como medida de protección a consellería de Medio Ambiente activou un programa para a protección das marxes dos ríos en zonas inundables. As ribeiras do Umia entran dentro da lista. 

    Redacción Salnés