O novo mercado municipal da Pobra abrirá as súas portas o vindeiro martes

    POBRA > O novo mercado municipal da Pobra do Caramiñal será inaugurado o vindeiro martes 28 de marzo polo Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco. O alcalde, Isaac Maceiras, visitou as instalacións para supervisa-la marcha dos traballos e ve-lo estado no que se atopan os postos da nova praza para a súa apertura definitiva.

    Os vendedores do mercado da Pobra do Caramiñal, que na actualidade levan a cabo a sua actividade nun edificio provisional, despois do derrube da antiga praza e a correspondente construción dunha nova no mesmo lugar, poderán ocupa-los seus postos a vindeira semana, unha vez estean remadatas as obras, estando prevista a inauguración do novo mercado para o vindeiro martes a cargo do Conselleiro de Industria.

    O alcalde pobrés visitou as instalacións para coñecer de primeira man a marcha dos traballos, observando como os operarios lle daban os últimos retoques ós diferentes postos.

    Durante a súa visita Isaac Maceiras destacou que o novo mercado da vila será un referente en toda a comarca ó contar cunhas instalacións e unha situación magnifica, pero o seu funcionamento dependerá en boa medida da colaboración dos vendedores, así como tamén dos propios veciños da localidade. Maceiras Rivas confía en que a nova instalación lle dea un impulso definitivo ó comercio local.

    As obras de construción do novo mercado municipal pobrés ascenderon a máis dun millón trescentos mil euros e foron realizadas pola empresa Oñial, financiadas pola Xunta de Galicia,  a Deputación da Coruña e o propio concello.

    A praza contará cun 50 postos repartidos todos pola súa planta baixa, 32 abertos para a venda de peixe, flores ou legumes e18 pechados para a comercialización de carne, froita, conxelados ou produtos de charcutería.

    Ademais na planta superior instalarase unha cafetería restaurante ‘A terraza de Chicolino’, que conta cun espazo verdadeiramente privilexiado nun marco incomparable, a carón da Torre de Bermúdez, no museo Valle-Inclán, e da propia ría de Arousa, que se pode divisar dende a súa magnífica terraza. Deste xeito ábrese tamén outra opción para os bos amantes da gastronomía na Pobra. A súa apertura coincidirá tamén coa inauguración da praza.

    Redacción Barbanza