BOIRO> A subdelegada do goberno na Coruña visitou o concello de Boiro para analizar o investimento que vai realizar o Ministerio de Industria na praza de abastos do municipio. A actuación, cun orzamento 237 mil euros, suporá importantes melloras no centro comercial aberto da localidade.
O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo seleccionou o proxecto presentado polo concello de Boiro na categoría de mercados urbanos sostibles. A actuación, para a que o goberno central destinará 237 mil euros, suporá unha modernización do centro comercial aberto da localidade coa reforma da praza de abastos como obra principal.
O proxecto contempla tamén actuacións en materia de dixitalización coa instalación de postos wifi e actividades de formación en márketing dixital. Tamén a economía circular e a eficiencia enerxética constitúen unha forte aposta do executivo coa entrega de bolsas biodegradables, a instalación de máquinas de reciclaxe de envases e puntos de recarga de vehículos eléctricos.
Ademais dos responsables do goberno municipal, no encontro coa subdelegada participaron tamén representantes da asociación de empresarios e do comercio local.
Durante a visita da subdelegada, o alcalde de Boiro aproveitou tamén para trasladarlle outros proxectos dependentes do goberno central. Entre eles, a ampliación de chan industrial no municipio ou o anteproxecto dunha residencia que permitiría crear 150 prazas para a terceira idade.