O goberno boirés xestiona o acondicionamento do entorno da igrexa de Santa Baia

    BOIRO > Preservar e protexer o patrimonio de Boiro é un dos obxectivos primordiais do executivo local . Por esta razón vén de establecer un preacordo co propietario do inmoble situado fronte á igrexa de Santa Baia que posibilitará a construción dunha praza pública. Deste xeito, evitarase a edificación nunha das zonas máis emblemáticas do municipio.

    A concellería de Obras segue a realizar xestións para asina-lo convenio que foi aprobado recentemente en pleno. Os termos do acordo establecen que o baixo comercial situado na praza será propiedade de Santiago Iglesias, actual propietario do edificio ruinoso que se atopa ó carón da igrexa. Así mesmo, o concello farase cargo do mantemento do novo espazo público.

    Co obxectivo de acondicionar o novo entorno, o concello está a estudar as diferentes posibilidades de reforma da fachada do edificio que actualmente se atopa nun avanzado estado de deterioro. As opcións baralladas no proxecto son diversas aínda que a solución pasaría por evitar a construción de novas plantas.

    Por outra banda, o executivo boirés está a traballar noutro convenio coa empresa España para a cesión dos terreos dun camiño público que se atopan nun solar da súa propiedade.

    O concelleiro de Obras, Xoán Xesús Ares, amosou a súa satisfacción ante estes dous convenios dado que se trata de obras importantes e moi demandadas polo conxunto da cidadanía.

    Redacción Barbanza